top of page

Mércores 30 de novembro do 2022. Hora: 12:00. Lugar: Auditorio Facultade de ciencias da comunicación (USC).
ENTRADA DE BALDE ATA COMPLETAR AFORO.

Máis alá do ensino


Charla de persoas relacionadas coa facultade de Ciencias da Comunicación da USC que nos veñen falar dos seus pasos pola industria audiovisual, reflexionando sobre o que hai máis alá do ensino: como chegaron a dar clase? Que proxectos desenvolveron? Como decidiron o que querían facer ao rematar de estudar? Que impresións lles causou o ámbito profesional?


Para isto, contaremos coa presenza de catro persoas que nos permitirán, a través das súas experiencias persoais, achegarnos un pouco máis ás posibilidades que oferta o sector audiovisual e aos proxectos que se están desenvolvendo.



Sobre Gaspar Broullón



Licenciado pola Universidade de Santiago de Compostela no seu momento, actualmente é profesor de Realización Audiovisual na Facultade de Ciencias da Comunicación. No sector laboral desenvolve traballos como produtor, montador e realizador. Foi montador da serie Auga Seca (2020) e Hierro (2019), pola que gañou un premio Mestre Mateo. Creou, xunto a Jorge Coira e Pepe Coira, a produtora audiovisual Ollo Vivo, baixo a que se desenvolveron proxectos como Eroski Paraíso (2019).


Sobre Antonio Mourelos



É licenciado en Ciencias da Información na rama de Imaxe e Son. Os seus inicios foron na radio. Foi responsable da Filmoteca de Galicia, cando estaba encadrada no Arquivo da Imaxe. No ano 85 empezou a dedicarse profesionalmente ao mundo da dobraxe como actor e director de maneira ininterrompida ata o ano 2000, onde iniciou a súa traxectoria como actor de pantalla participando nunhas 50 produccions entre cine e televisión. Entre 2011 e 2015 foi presidente da Academia Galega do Audiovisual. Desde o 2003 é tamén profesor asociado na USC e actualmente a súa faceta profesional encamíñase principalmente ao mundo da actuación e a dirección teatral.


Sobre Olaia Tubío




Olaia Tubío (Rois, 1994). Graduada en Xornalismo pola USC e Mestrado en Servizos Culturais pola mesma Universidade. Creadora e integrante do proxecto Punto e Volta, traballou como redactora na Televisión de Galicia e foi xornalista cultural no Progreso de Lugo. Tamén traballou como freelance para diversas entidades como o Concello da Coruña, a Central Folque ou o Museo do Pobo Galego. É creadora e codirectora do documental "Dorothé na Vila" (2020) e da serie documental "Galicia de 20 a 20".

Sobre Lucía Ramiro



Lucía Ramiro (Foz, 1997). Graduada en Comunicación Audiovisual pola USC. Fixo o Máster de Profesorado na mesma universidade, na que actualmente estuda o Máster de Estudos da Literatura e da Cultura.

Traballadora da sección de cinema en NUMAX. Coguionista e axudante de dirección do filme Os espazos en branco (en posprodución). Traballou en equipos de dirección e produción de curtametraxes e videoclips, entre eles Muinheira de interior (Boyanka Kostova, 2020) ou Haters (Dios Ke Te Crew, 2022). Foi meritoria de dirección do filme A cero.5 (2020) e axudante de produción de María Casares: A muller que viviu mil vidas (2022).
bottom of page