FACOM FEST
UN FESTIVAL DE CINE PARA AS OBRAS DE ESTUDANTES GALEGOS
BASES
O Facom Fest constitúe unha oportunidade para visibilizar as primeiras obras das novas xeracións do audiovisual galego. Organizado polo estudantado de Comunicación Audiovisual da USC, búscase darlles unha maior vida ás pezas realizadas polos estudantes dos diferentes centros artísticos de Galicia, que en moitas ocasións quedan reducidas aos traballos de clase sen a expectativa dun visionado público. O festival pretende tamén conformar un espazo no que compartir os diversos talentos e intereses do alumnado, proporcionando un punto de encontro no que estes poidan comezar a construír a súa rede de contactos, darse a coñecer no sector e gañar unha experiencia práctica máis próxima ao mundo profesional.
A primeira edición do Facom Fest levarase a cabo entre os días 29 de novembro e 2 de decembro de 2022 en Santiago de Compostela. Á competición poderá concurrir tanto o estudantado de formacións do audiovisual como os sectores afíns. Constará dunha sección competitiva (dividida nas categorías de ficción e non ficción) e unha sección non competitiva. Poderán participar todas aquelas persoas dos graos de Comunicación Audiovisual, Xornalismo, Belas Artes, Videoxogos, Publicidade e Relacións Públicas, Arte Dramático, estudantes de Ciclos de Audiovisuais e Bacharelato de Artes que estivesen matriculadxs, en centros galegos, nos seus respectivos cursos durante o periodo 21-22 e/ou 22-23.
O Facom Fest estará dirixido, principalmente, á xente do entorno educativo galego, polo que tamén se poderían presentar alumnos que, a pesar de estudar fóra, realizasen ou realicen parte dos seus estudos en Galicia mediante o programa SICUE, así como estudantes galegos que realizasen obras audiovisuais durante as súas estadías no estranxeiro ou noutras zonas do territorio español. Cada participante poderá presentar un máximo de 3 obras, mais cunha inscrición independente para cada unha. Os proxectos poden pertencer a calquera xénero, mais a súa inscrición formalizarase nunha das dúas categorías competitivas do festival (ficción ou non ficción) ou na sección non competitiva, a decisión da propia persoa autora.
INSCRICIÓNS
As inscricións das obras deberán formalizarse a través dunha ficha de inscripción no seguinte enlace: ficha de inscrición. Nela indicárase algunhas das características básicas e a categoría na que se inscriben. Así mesmo, na ficha debe incluírse un link que permita o visionado e descarga da obra, que se empregará tanto para a selección como para a proxección.
A inscrición será de balde, e o feito de enviar unha obra ao festival supón a plena aceptación destas bases.
As plataformas de envío de contidos que se permiten para o festival son:
-
OneDrive
-
Google Drive
-
Vimeo
Todas as obras enviadas a través doutra plataforma serán automaticamente descartadas.
O prazo de inscrición das obras terá lugar dende o 25 de outubro ata o 11 de novembro. A organización do festival formará un comité de selección que decidirá que obras forman parte do programa, o cal será anunciado uns días despois do peche de inscrición.
As obras inscritas deben cumprir as seguintes características técnicas:
-
Resolución mínima de 720p e resolución máxima de 1080p
-
Arquivos .mp4 ou .mov
-
Códec H.264
-
Incluir subtítulos en obras realizadas en idiomas que non sexan galego ou castelán, en formato .srt
De ser escollida a obra, contactarase ca persoa autora para asegurar a súa conformidade ca proxección das súas pezas.
O festival gárdase os dereitos de poder exhibir as obras seleccionadas durante o período dun ano para a proxección noutros posibles eventos da propia Facultade, sempre con fins non lucrativos.
SECCIÓN COMPETITIVA E PREMIOS
As obras inscritas poderán formar parte de dúas seccións: a competitiva e non competitiva. Na competitiva haberá dúas categorías, ficción e non ficción, cun gañador en cada unha.
A categoría de ficción incluirá as obras que relaten ou experimenten con historias, personaxes ou mesmo localizacións imaxinarias ou ben as producións que narren ou recreen versións fantasiosas de feitos reais. Podemos incluír no grupo de ficción obras de diferentes xéneros, como o thriller, a comedia, musical ou drama, entre outros.
Por outra banda, temos a categoría de non ficción, que comprende máis un discurso que unha representación do real. Aglutina producións tan diversas como o documental, o cine ensaio ou o cine sensorial, así coma xéneros máis difíciles de catalogar.
En cada grupo da sección competitiva haberá unha persoa gañadora, obsequiada cun diploma acreditativo e un premio aportado por algunha das entidades patrocinadoras do festival, que será anunciado nas redes sociais do Facom Fest.
Alén dos premios, o xurado resérvase o dereito a outorgar algunha das seguintes mencións:
-
Mellor dirección
-
Mellor interpretación
-
Mellor dirección de fotografía
-
Mellor dirección de arte
-
Mellor guión
-
Mellor obra de animación
-
Obra audiovisual máis arriscada
SECCIÓN NON COMPETITIVA
O Facom Fest tamén incluirá unha sección non competitiva que permitirá a exhibición de obras que por diversos motivos, tanto por decisión do autor como por cuestións técnicas ou decisión do comité de selección, se lles permita a participación no festival.
XURADO
Haberá dous xurados, un para cada sección. Cada un estará composto por unha persoa do alumnado da facultade e dous profesionais do sector audiovisual, co fin de ter unha maior amplitude de percepcións en canto á valoración das obras.
Contacto para o envío: facomfest@gmail.com